Casco antigo. Barrio mariñeiro

A zona antiga de Cariño é un conxunto singular de vivendas de 8 hectáreas, a maioría de estilo mariñeiro galego, estreitas, con cores vivas, balconadas, galerías ou corredores. O apertado da distribución responde a varios factores, como son a proximidade ó porto e á praia da Concha (onde antigamente varaban os barcos), á pouca dispoñibilidade de terras para o cultivo, que fixo que se aproveitase o espazo de construcción ao máximo, e a orientación do barrio, mirando ao sur para aproveitar o sol e protexido dos ventos fríos do norte.
 
A orixe da vila remóntase á época Castrexa, na que o xacemento arqueolóxico do Castro de Cariño estaba habitado e está lindante coa zona histórica, aínda que posiblemente a variedade de túmulos da época megalítica que hai na Serra da Capelada indicaría a poboación da zona ao menos desde o 3000 A.C. . A orixe do nome de “Cariño”, un nome sen dúbida chamativo e curioso, pódenos indicar unha procedencia romana. Segundo os últimos estudos, a súa procedencia sería a do antropónimo Carinus, un propietario destas terras nos tempos dos romanos, ao mellor como pago aos seus servizos no exército.
 
O primeiro documento escrito no que aparece mencionado é do ano 1101, nun documento nobiliario no que se fala da vila de Cariño e da aldea de S. Xiao do Trebo, que está a 2 km. Na idade Moderna Cariño foi un porto natural no que os seus habitantes adicábanse principalmente á pesca e á agricultura, ata finais do S. XVIII, no que a chegada de fomentadores cataláns da industria conserveira marcarán o inicio do proceso de industrialización da vila, que incidirá directamente no aumento da poboación e no establecemento de novas industrias de transformación do peixe. Esta industria, xunto coa pesca, converteuse no motor económico da vila.
 
A maioría das rúas ascenden en perpendicular á praia da Concha rematando nunha serie de miradoiros que quedan na zona alta da vila, a Rúa do Campo ,por riba do cantil, como por exemplo o miradoiro do Antigo Pósito de Pescadores e o miradoiro do cemiterio. Podemos atopar diferentes prazas como a Praza da Porta da Pulida, onde se celebraban o mercado e as festas antigamente e tamén a Praza da Mariña Española ou “Praza das cadeas” como é coñecida coloquialmente, onde está a Fonte da Vila, coa estatua na honra ao mariñeiro, e está rodeada de cadeas de áncoras de barco.

Na parte alta da vila tamén atopamos a Igrexa Parroquial de S. Bartolomeu, rematada no ano 1923, de estilo neogótico. A pedra utilizada para a súa construción foi extraída do Peiral do Mallorquín ou Peiral do Campo, unha pequena cala que se encontra detrás do cantil e á que se accede por unhas escaleiras. No campanario atópase a campá do antigo vapor Miramar, unha embarcación con base en Palma de Mallorca que embarrancou a comezos do S. XX nos cantís do Cabo Ortegal.
 
A industria da salgadura e da conserva deixou a súa pegada en forma de diversas construccións ao longo da Avenida da Constitución, arteria principal de comunicación. Estas construccións adoitaban, xeralmente, de estar a vivenda e a fábrica no mesmo edificio tendo as fachadas un porte señorial de principios do século XX. Hai outras naves que só se adicaban á fabricación pero que conservan o logotipo da empresa na fachada.
 
Unha destas conserveiras que poderemos visitar na parte baixa da vila é a Conserveira “La Pureza”, fabricante de conserva que desde 1924, que elabora artesanalmente conservas de peixes e mariscos. Tamén elabora marmeladas e conservas de vexetais a través da marca “Amieiro”. Ten tenda propia e fai visitas guiadas previa cita. (Enderezo: rúa Río Grande 2, Cariño. CP15360 / Teléfono 981 40 50 04 / E-mail: info@lapureza.es).

Datos prácticos

Acceso: A visita realízase a pé.
Estacionamento: 

  • No paseo marítimo, xunto á praia da Concha, á entrada do porto.
  • No cemiterio de Cariño ou Rúa do Campo.
Recomendacións: Unha ruta recomendada é, saíndo da Casa do Concello, subir pola rúa S. Bartolomeu ou Real, desviarse pola rúa Antiga para chegar ó miradoiro desta rúa. Voltar á rúa do Campo para visitar os miradoiros do Pósito, o do Peiral, co acceso á cala do Peiral, e o do cemiterio, e voltar pola rúa da igrexa (Reverendo Crecente Veiga), pasando pola Praza da Mariña, a rúa Balvís e a Praza da Porta da Pulida. Ou simplemente pasear para descubrir novos rincóns.