Cabo Ortegal

Cabo Ortegal é unha península moi montañosa situada a 3 kms ó norte da vila de Cariño, e consta de dúas puntas: a Punta dos Aguillóns, onde está o faro, e a punta do Limo. No entorno poderemos observar unha sucesión de cantís duns 300m de altitude.
 
Na Punta dos Aguillóns, o verdadeiro quilómetro cero onde se xuntan o Océano Atlántico e o Mar Cantábrico, e tamén límite occidental do Golfo de Biscaia está o faro de Cabo Ortegal (en servizo desde 1983), que se eleva nunha rocha a 100m de altitude, onde desafía a bravura do mar e do vento desta agreste costa. Serve de punto de observación das pedras dos Aguillóns, xa nomeados polos romanos como Trileucum ou Lapatiancorum Promontorium, que emerxen escalonadas en dirección Norte. Aquí apáñanse os mellores percebes de Galicia, sempre batidos polo mar, apañados polos percebeiros.
 
Cara o Oeste temos a Punta do Limo, límite occidental do Cabo Ortegal, onde en días de forte chuvia poderemos observar as fervenzas do río do Limo, que caen no mar desde unha altura de 300m. Entre a punta dos Aguillóns e a punta do Limo temos a enseada da Cova, un grande arco onde existen curiosas formacións rochosas como a “Longa da Moreira”, unha rocha vertical de ducias de metros de altura que remata en pico. As postas de sol no verán por diante da punta do Limo son espectaculares.
 
A península de Cabo Ortegal atópase incluída dentro da ZEPVN (Zona de Especial Protección dos Valores Naturais) “Costa Ártabra”, que abrangue un tramo costeiro da provincia da Coruña correspondente á comarca de Ferrol e unha parte da do Ortegal.
 
A ZEPVN Costa Ártabra, caracterízase pola beleza paisaxística. Nela sobresae un rincón como o Cabo Ortegal que destaca pola súa singularidade xeolóxica, florística e faunística. Entre os hábitats protexidos pola Rede Natura 2000, presentes nesta zona de Cabo Ortegal , atópase o Hábitat de cantil con vexetación das costas atlánticas e bálticas.
Os cantís costeiros constitúen un hábitat de características especialmente difíciles para o desenvolvemento das comunidades vexetais. As condicións físicas nestes ambientes son moi variables, segundo a pendente do terreo, as salpicaduras do mar, a acción do vento e a exposición ao sol. Os primeiros seres capaces de colonizar as rochas espidas son os liques. A presencia de liques vai ser importante para preparar estes ambientes para o crecemento de plantas pioneiras como os briofitos (plantas non vasculares que inclúen musgos, hepáticas e antocerotas), que xunto cos materiais da descomposición propia da rocha, roman unha pequena acumulación de sedimentos que quedan retidos nas fendas. Estes chans primitivos son aproveitados para o desenvolvemento de plantas de maior tamaño.
As rochas que forman o Complexo de Cabo Ortegal, teñen unha orixe metamórfica, e destaca pola súa importancia a presencia de Anfibolitas, Ecloxitas, Granulitas, Gneises e Rochas ultrabásicas serpentinizadas.

Todo este conxunto de valores xeolóxicos e naturais existentes neste enclave fan que sexa un dos principais puntos turísticos da Península Ibérica

Datos prácticos


Acceso:

  • En coche, desde Cariño, seguir as indicacións “Cabo Ortegal”.
  • En autobús, 1 km antes de chegar a Cariño, desvío á esquerda indicado como “Cabo Ortegal” pola rúa Camiño de Barreiros, e despois seguir os indicadores.
  • A pé, desde Cariño (casa do concello), pola ruta 1 de Cariño-Cabo Ortegal, 2h30 ida e volta. 
Estacionamento: No mesmo faro de Cabo Ortegal, capacidade para 15 vehículos aprox. Admite autobuses.
Recomendacións: 
  • Zona de vento forte.
  • É recomendable levar roupa de abrigo durante todo o ano.

 Cabo Ortegal
 Cabo Ortegal
 Cabo Ortegal
 Cabo Ortegal