Cantís de Herbeira

Os cantís de Herbeira están situados en plena Serra da Capelada entre os concellos de Cariño e Cedeira. Son os máis altos de España e tamén da Europa continental costeira e teñen unha pendente dun 80%.
 
No alto sitúase a Vixía de Herbeira, un miradoiro a 613m de altitude sobre o nivel do mar. No miradoiro hai unha Garita de pedra de 1805, construida dentro dun sistema de vixilancia costeira no que estaban integradas outras garitas da zona.

Desde aquí teremos unha vista do horizonte cara o Noroeste e de Cabo Prior (Ferrol) en días claros, cara o Surleste. Azoutados permanentemente por fortes ventos, na súa parte máis baixa atópase a única praia do mundo de area negra non volcánica, cerca da aldea de Teixidelo, cor debida ós materiais rochosos que compoñen o Complexo de Cabo Ortegal.

O acceso á praia é moi complicado polo que se necesita dun guía especializado para poder acceder. Nos arredores do miradoiro atópase o parque eólico da Capelada, que aproveita este forte vento case permanentemente.
 
Os cantís da Herbeira están incluidos dentro do L.I.C. Costa Ártabra da Rede Natura 2000 como Zona de Especial Conservación (Z.E.C.), e son zona de paso de aves migratorias, podéndose observar desde o miradoiro ou desde os prados contiguos.

Datos prácticos


Acceso:

  • En coche e autobús, desde Cariño, seguir as indicacións “Vixía de Herbeira” pola estrada DP2205 .
  • A pé, existe un recorrido dunhas 3 horas desde Cariño ou desde Cedeira, percorrendo a Serra da Capelada.
Estacionamento: A 50 m do miradoiro, á beira da estrada DP2205. Unha ampla explanada. Admite autobuses.
Recomendacións:
  • Zona de vento forte e néboas frecuentes.
  • É recomendable levar roupa de abrigo durante todo o ano.